1. Presentación

A orixe da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo tivo lugar na presentación na Galería Sargadelos de Lugo do monográfico de Unión libre. Cadernos de vida e culturas (núm. 9, 2004), dedicado á “Memoria antifascista de Galicia”, a cargo de Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, María Xesús Souto Blanco e María Lopo, en presenza de dous netos do Doutor Rafael de Vega Barrera e doutras persoas con el comprometidas (Sofía Andrade, Xesús Pérez Regueiro). Claudio Rodríguez Fer propuxo alí que o próximo Hospital de Lugo levase o nome do Doutor Vega e Manuel Sarille Lanceiro suxeriu que se crease en Lugo unha Asociación promotora da recuperación da memoria dos represaliados polo franquismo. Comezou así, espontaneamente, en privado e nos medios de comunicación, unha campaña de adhesión a estas iniciativas, na que participaron as máis variadas persoas e asociacións e que culminou na Asemblea Xeral do 29 de outubro de 2005.

A esta asemblea asistiron numerosos parentes de represaliados e persoas comprometidas coa memoria histórica en Galicia. Ademais, contou coa adhesión, dende Valladolid, do Doutor Rafael de Vega, fillo primoxénito do deputado republicano Vega Barrera, quen agradeceu a solidaridade “a María Xesús Souto, por sacar a luz el sumario; a Xesús Pérez Regueiro, paciente de mi padre, que está pagando con creces su gratitud; a Claudio Rodríguez Fer, cuyas muestras de interés por mi padre, sin haberlo conocido, me obligan a incluirlo en nuestra familia afectiva”. Así mesmo, adheríronse Carmen Veiga e Juan Pérez-Carballo, cuñada e sobriño do gobernador da Coruña Francisco Pérez Carballo e de Juana Capdevielle, residentes en Madrid. Tras intervir Xesús Pérez Regueiro, Manuel Sarille Lanceiro e Carmen Blanco, aprobáronse todas as propostas, feitas por Claudio Rodríguez Fer, que se recollen nos apartados de obxectivos e proxectos.

A %d blogueros les gusta esto: